
Aínda que non teña nada que ver, en ningún sentido, con Ferrín, Jordi Sierra i Fabra é un escritor que paga a pena coñecer. Os que parimos cada verba con lentitude exasperante, adoitamos admirar os escritores prolíficos, aqueles que diante da folla en branco sinten a indemorábel necesidade de enchela co froito da súa fértil imaxinación.Como explicaba unha interesante reportaxe de Babelia, Sierra i Fabra publica un libro cada 40 días, e xa leva máis de trescentos, con millóns de exemplares vendidos. Libros de todos os xéneros e temas, con especial atención á literatura xuvenil, artellados coa minuciosidade do artesán, mais coa rapidez que lle ditan as infinitas ideas que bulen no seu maxín. Deste xeito, di que nunca comeza unha novela que non poida escribir dun tirón, e xamais corrixe nin unha soa coma, o que non lle impediu gañar numerosos premios literarios.
Escritor, polo tanto, de éxito, admirábel pola súa constancia e dedicación, pola súa labor solidaria, polo seu torrente de verbas que arman libros honestos e amenos.