
Para os que aínda non a coñezan, Aíd, Aída Alonso, é unha rapaza viguesa de só dezaoito anos que veu sementar rimas perfectas e novas metáforas no mundo, ás veces demasiado uniforme, do hip hop.
Quizais o que máis nos guste de Aíd sexa o feito de ser diferente, única, difícil de encaixar no tópico: ela mesma (muller, nova, rapeira, mais tamén aplicada estudante de enxeñaría) e as súas letras (duras ás veces, tenras outras; poéticas ou asperamente prosaicas). Hai nesas liñas máis, moito máis, que o gastado discurso de autoafirmación que invade as rimas doutros MC’s e máis literatura que nos versos dalgúns poetas vaidosos. Aíd amosa os seus sentimentos con sinceridade, non elude a dúbida, agradece, critica, aconsella cunha mestura de orgullo e humildade (Si quieres ser estrella, brilla)... Son versos que enfían a historia dunha vida de poucos anos, mais son anos que abeiran moita vida. Ninguén lle poderá negar o seu talento creativo, a súa poderosa presenza, a interpretación perfecta e a capacidade de chegar ao oínte a través dunhas historias cheas de verdade.
Din por aí que o talento chama ao talento, que o que fai ben as cousas atopa sempre compañeiros á súa altura. E así temos as notábeis bases musicais que arroupan as letras de Aíd: elegantes, densamente melódicas ás veces, máis funky outras, beats precisos que levan os temas cunha perfecta fluidez cara a un final que nos deixa con gana de máis.
En definitiva, metáforas propias de alguén que aprecia a poesía, sobre bases contundentes e variadas que acreditan o talento do seu produtor, e, esvarando suavemente por riba de todo iso, o flow perfecto, ese flow que ela di que non é flow, senón que é xeito.
Fáganme caso: escoiten a Aíd, hanmo agradecer. Eu, dende logo, inclúoa na lista de persoas–que–me–gustaría–coñecer.
2 comentários:
pois si,
aid abre caminhos com muito xeito!
umha aperta desde
madeingaliza
Grazas pola visita!
Un saúdo!
Postar um comentário