Neste tempo de présas, optimización de recursos, adoración da eficiencia e sublimación da rendibilidade, parécenos pertinente a reivindicación do inútil. Escribía Cortázar : “En este país donde las cosas se hacen por obligación o fanfarronería, nos gustan las ocupaciones libres, las tareas porque sí, los simulacros que no sirven para nada”.
Sempre me fascinou a xente que dedica o seu tempo a tales ocupacións, a que emprega media vida en resolver o cubo de Rubik , a que pasa as noites armando catedrais con escarvadentes, ou aprendendo esperanto, ou criando caracois de carreiras.
Moitas veces miramos esta xente cun evidente aire de superioridade, cunha certa displicencia, preguntándonos por que farán tal cousa ou tal outra. Coma se tivese que haber sempre un porqué, unha razón suficiente que xustificase unha dedicación que se nos antolla incomprensíbel. Pero deberíamos aprender a mirar as cousas dende outra perspectiva, acometer tarefas porque si, apreciar cada actividade por ela mesma e non polo seu rendemento, deixar ir o tempo nalgunha ocupación inútil, porque o tempo nin se perde nin se gaña, senón que se vai diluíndo nunha vida que terá fin mais non propósito, e na que paga a pena acubillar eses pequenos retallos de felicidade que obtemos das cousas máis inútiles.
Nenhum comentário:
Postar um comentário