2009/03/27

Novidades en mensaxes en cadea


Simplemente epatante:


2009/02/25

Apoloxía do inútil


Neste tempo de présas, optimización de recursos, adoración da eficiencia e sublimación da rendibilidade, parécenos pertinente a reivindicación do inútil. Escribía Cortázar : “En este país donde las cosas se hacen por obligación o fanfarronería, nos gustan las ocupaciones libres, las tareas porque sí, los simulacros que no sirven para nada”.


Sempre me fascinou a xente que dedica o seu tempo a tales ocupacións, a que emprega media vida en resolver o cubo de Rubik , a que pasa as noites armando catedrais con escarvadentes, ou aprendendo esperanto, ou criando caracois de carreiras.


Moitas veces miramos esta xente cun evidente aire de superioridade, cunha certa displicencia, preguntándonos por que farán tal cousa ou tal outra. Coma se tivese que haber sempre un porqué, unha razón suficiente que xustificase unha dedicación que se nos antolla incomprensíbel. Pero deberíamos aprender a mirar as cousas dende outra perspectiva, acometer tarefas porque si, apreciar cada actividade por ela mesma e non polo seu rendemento, deixar ir o tempo nalgunha ocupación inútil, porque o tempo nin se perde nin se gaña, senón que se vai diluíndo nunha vida que terá fin mais non propósito, e na que paga a pena acubillar eses pequenos retallos de felicidade que obtemos das cousas máis inútiles.

2009/02/24

O mar




"O mar: unha chea de auga

que pica nos ollos"


T. S. Parvho. "There you have it, poets". 1967

2009/02/16

Persoas que me gustaría coñecer: AÍD



Para os que aínda non a coñezan, Aíd, Aída Alonso, é unha rapaza viguesa de só dezaoito anos que veu sementar rimas perfectas e novas metáforas no mundo, ás veces demasiado uniforme, do hip hop.

Quizais o que máis nos guste de Aíd sexa o feito de ser diferente, única, difícil de encaixar no tópico: ela mesma (muller, nova, rapeira, mais tamén aplicada estudante de enxeñaría) e as súas letras (duras ás veces, tenras outras; poéticas ou asperamente prosaicas). Hai nesas liñas máis, moito máis, que o gastado discurso de autoafirmación que invade as rimas doutros MC’s e máis literatura que nos versos dalgúns poetas vaidosos. Aíd amosa os seus sentimentos con sinceridade, non elude a dúbida, agradece, critica, aconsella cunha mestura de orgullo e humildade (Si quieres ser estrella, brilla)... Son versos que enfían a historia dunha vida de poucos anos, mais son anos que abeiran moita vida. Ninguén lle poderá negar o seu talento creativo, a súa poderosa presenza, a interpretación perfecta e a capacidade de chegar ao oínte a través dunhas historias cheas de verdade.

Din por aí que o talento chama ao talento, que o que fai ben as cousas atopa sempre compañeiros á súa altura. E así temos as notábeis bases musicais que arroupan as letras de Aíd: elegantes, densamente melódicas ás veces, máis funky outras, beats precisos que levan os temas cunha perfecta fluidez cara a un final que nos deixa con gana de máis.

En definitiva, metáforas propias de alguén que aprecia a poesía, sobre bases contundentes e variadas que acreditan o talento do seu produtor, e, esvarando suavemente por riba de todo iso, o flow perfecto, ese flow que ela di que non é flow, senón que é xeito.

Fáganme caso: escoiten a Aíd, hanmo agradecer. Eu, dende logo, inclúoa na lista de persoas–que–me–gustaría–coñecer.

2009/02/14

Mediocridade


"- Créame, señora, a maior vantaxe dos mediocres é que non temos reputación ningunha que manter"


Alfredo Gelatti. Dramaturgo italiano.

2009/02/13

Victoriano Izquierdo, fotógrafo

Se non coñecen a Victoriano Izquierdo, visiten a súa web, ou o seu flickr, ou o seu blogue. Este rapaz de dezaoito anos non os decepcionará. Nas súas fotos hai creatividade, hai técnica, sensibilidade e, moitas veces, humor.

2009/02/12

Sabio proverbio


"Por mal camiño vai

quen fai caso dun proverbio"


Proverbio checheno

2009/02/11

Persoas que me gustaría coñecer: Méndez Ferrín


Ás veces, fascinados por un poema, unha novela, unha canción ou o que sexa, damos en matinar na persoa que hai detrás da obra, desexando coñecela persoalmente, saber da súa vida... E seica moitas veces, cando se cumpre esa arela, queda unha certa insatisfacción, unha lene decepción que condiciona para sempre a obra que nos cativara.

Non creo que fose o caso, pero eu correría o risco de coñecer a Méndez Ferrín. Senlleiro candidato ao Nobel, creador de mundos lendarios, de personaxes únicos, cada relato seu, cada poema, agocha unha mirada distinta sobre a literatura. Dende o primeiro Percival ata o último verso que saíse do seu maxín, atopamos unha lingua fascinante, un absoluto dominio da técnica literaria e uns personaxes case míticos e, no entanto, próximos.
Deste xeito, á volta da última páxina, co derradeiro verso vibrando aínda nos beizos, un dá en cavilar sobre ese encontro improbábel e sabe que non podería haber decepción ningunha, que o escritor e o libro son a mesma cousa, e busca xa unha data, e marca un lugar no mapa dese territorio arraiano.